Friday 10 de May de 2024

A exposición do XVI Certame Isaac Díaz Pardo de Artes Plásticas amósase en Fene até o 28 de agosto


 

Xa se pode visitar na Casa da Cultura de Fene a exposición do XVI Premio Isaac Díaz Pardo de Artes
Plásticas, promovido pola Deputación da Coruña. A mostra inclúe as pezas do artista gañador do
certamen nesta edición, Mauro Trastoy, e doutros once creadores seleccionados polo xurado. Así,
amósanse obras de Carlos Maciá, Marcos Costa Moreira, Mikel Vergara, José Luís Seara, Verónica
Moar, Joan Morera, Pablo Barreiro ou Tatiana Medal, “unha boa proba da nova arte que se está
creando”. E, canda elas, obras de Jacobo Bugarín, Manuel Lareo, Cillas Rodríguez, María Meseguer,
Rosana Calvo, Edu Fernández, Berio Molina, Andrés Gabarres, Nuria Lago, María José Santiso ou
Mar Caldas forman parte desta mostra que se amosa en Fene até o vindeiro 28 de agosto. O horario
de visitas é de luns a venres, de 10.30 a 13.30 horas.
En relación coa obra gañadora nesta edición, dende o organismo provincial salientan que “nesta
ocasión o ferrolán Mauro Trastoy Lindín conquistou ao xurado coa súa obra ʻ7ʼ. O artista e deseñador
gráfico creou unha peza na que combinou diferentes técnicas artesanais dando lugar a unha “pintura
sen pintura”. Unha peza que, a partir da súa experimentación cos materiais, funde arte, deseño e
artesanía, vangarda e tradición, nun espectáculo para os sentidos. Trastoy conta cunha dilatada
experiencia que o coroa como un dos grandes personaxes da arte contemporánea galega. As súas
obras xa foron expostas en numerosas mostras individuais e colectivas.
O Premio Isaac Díaz Pardo naceu co obxectivo de “apoiar novos nomes para a nosa arte,
promocionar as súas obras, recoñecer a creatividade plástica e difundir as novas linguaxes nas que
se están a expresar neste tempo”. A través desta convocatoria, a Deputación da Coruña premia as
obras que o xurado escolle pero ademais tamén adquire as seleccionadas para formar parte do seu
patrimonio e artella unha exposición itinerante cunha mostra máis ampla co fin de difundir as novas
creacións en concellos de todo o territorio, buscar novos públicos, e difundir a arte “difundindo a arte,
no camiño que abriu aquel gran artista, Isaac Díaz Pardo, que naceu hai agora cen anos”.
A exposición e o catálogo resultante deste concurso “constitúen plataformas inmellorables para dar a
coñecer as obras plásticas dos artistas da nosa provincia”. O catálogo pódese solicitar ao realizar a
visita na conserxería da Casa da Cultura de Fene (até fin de existencias.